campus

O campus de Lugo é un espazo con personalidade propia que presenta na cidade da muralla romana unha oferta académica en catro áreas do coñecemento diferentes (Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura). Son un total de 15 títulos de grao que se agrupan en oito centros asentados na cidade.

A atención ás necesidades da comunidade universitaria complétase con instalacións e servizos específicos no ámbito deportivo ou cultural, así como con iniciativas propias que ofrezan un abano de posibilidades coas que os membros da comunidade universitaria complementan a formación regrada recibida nos graos.

As posibilidades formativas deste campus abranguen igualmente as distintas posibilidades de formación especializada que se concretan en posgraos e másteres a través dos que poderás definir, aínda máis, as túas expectativas profesionais cara á túa inserción no mercado laboral. O dos másteres é tamén o camiño cara ao doutoramento e a investigación, capítulo no que a Campus lugués posúe unha traxectoria de grande incidencia en ámbitos temáticos.

Pero iso non é todo. Non nos cres?

pulpo

En Lugo temos unha magnífica calidade de vida onde o máis importante son as persoas. Seguro que oíches falar do famoso ambiente de tapeo que temos na zona histórica, o ben que se come por aquí e, sen dúbida, saberás que é unha das cidades máis baratas e máis cómodas para vivir de toda a xeografía española.

Tamén tes una ampla oferta de pisos en aluguer que son amplos, de recente construción, ao lado do Campus e a un prezo accesible (100-150 €/mes por persoa nun piso compartido de 3-4 habitacións) e ademais no Campus atoparás unha moderna e ampla biblioteca intercentros na que sempre atoparás un sitio.

muralla

Lugo é historia viva da humanidade, moito máis que murallas milenarias e grandes espazos urbanos. En cada un dos seus concellos poderás atopar un relato do noso pasado, sexa do Paleolítico na primeira mostra de arte rupestre do noroeste peninsular, a Cova de Eirós, sexa regresar a época dos castros en Viladonga, ou rememorar a morte do Mariscal Pardo de Cela e con ela, a fin da Idade Media galega, na ponte do Pasatempo en Mondoñedo.

Lugo alberga a catedral máis antiga do sur de Europa, San Martiño de Mondoñedo, ou a única igrexa construída en mármore de España, O Hospital, pezas únicas do nos patrimonio que resistiron ao paso do tempo.

catedrais

Lugo en si é unha marabilla natural, a combinación perfecta co mellor do mar e da montaña: desde unha das mellores praias do mundo, Augas Santas, a lugares únicos como a Ribeira Sacra. Conta coa primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e a segunda en España en extensión, Terras do Miño, e tamén coa Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e parte da do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Pero non só: tamén atoparás a tiro de pedra da capital recunchos inigualables como a Serra do Xistral, a Ría de Ribadeo, a Devesa da Rogueira, o nacemento do Miño no Pedregal de Irimia… Natureza en estado puro que está agardando que a descubras.