Address

Escola Politécnica Superior Rúa Benigno Ledo, s/n. 27002 Lugo. Teléfono: 982 823 008 Fax: 982 823001

Categories

Doutoramento

Descrición

A importancia da utilización sustentable dos recursos naturais por parte da sociedade, e en particular da terra, e o desenvolvemento de instrumentos de xestión eficiente do territorio así como o deseño de estratexias de desenvolvemento territorial que permitan conservar os recursos naturais e as funcións ecosistemáticas, requiren da investigación para avanzar no desenvolvemento de mellores instrumentos, técnicas, teorías e modelos. A formación na investigación é un elemento clave para conducir a vocación investigadora e de avance no coñecemento e desenvolvemento de resultados aplicados por parte dos estudantes que realizaron a súa formación de máster nas distintas disciplinas que estudan o territorio. É neste ámbito onde a palabra partenariado cobra especial relevancia. Se o desenvolvemento territorial vén condicionado en gran medida pola capacidade dos diferentes axentes e escalas de cooperar e aproveitar as sinerxías existentes, isto convértese nun elemento clave que inspira e xustifica este programa de doutoramento. Investigación, innovación proactiva e acción deben ir da man neste ámbito para que os procesos de reflexión, aprendizaxe e descubrimento representen en si mesmos motores de cambio e adaptación territorial. É necesario transcender os programas estancos e “puros” para, a través da hibridación co ámbito de desenvolvemento e a execución, favorecer a súa transdisciplinariedade, o feedback social e económico e a súa permeabilidade. É deste xeito como se poderán bosquexar novos paradigmas de xestión e distribución dos recursos territoriais. Dado que non existe no ámbito rexional e nacional unha oferta académica e investigadora desta natureza, trátase dunha oferta innovadora a escala europea, e é unha oportunidade para ofertar un programa de posgrao que permita investigar en áreas de coñecemento de vangarda cun enfoque interdisciplinario, así como innovar na busca de solucións aos problemas de xestión da terra como recurso, da planificación dos usos do solo e da xestión territorial a distintas escalas, dende a parcela a grandes rexións como a Unión Europea, así como para atraer investigadores do resto do estado, europeos e do resto do mundo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *