Address

Facultade de Veterinaria Avda. Carballo Calero, s/n. 27002 Lugo. Teléfono: 982 822 012. Fax: 982 252 195

Categories

Grao

Descrición

O Grao en Veterinaria ten por obxecto formar profesionais capaces de controlar a tecnoloxía da produción e elaboración dos alimentos de consumo humano, previr, diagnosticar e tratar as enfermidades dos animais, controlar a reprodución animal, obter en condicións excelentes e economicamente rendibles produtos de orixe animal vixiando o cumprimento da normativa en benestar animal, capaces de identificar riscos emerxentes, e coñecer e aplicar as disposicións legais, regulamentarias e administrativas en todos os ámbitos da profesión. Na sociedade actual o/a veterinario/a convértese nun elemento clave na trama sanitaria e agraria, podendo desenvolver o seu traballo en diferentes niveles do sector público, ou ben no sector privado, xa sexa de forma autónoma ou formando parte dunha estrutura empresarial. Precisamente, nas Consellerías de Agricultura e Sanidade, existen corpos específicos de veterinarios/as para desenvolver estas e outras tarefas. A Administración central e o Exército tamén solicitan profesionais veterinarios e contan con corpos especiais de veterinarios.

Plan de estudos

A titulación está distribuída en cinco cursos, cun total de 300 créditos, conformados por 72 créditos de formación básica, 216 créditos obrigatorios e 12 créditos optativos. Para obter o título é preciso completar os créditos e acreditar o nivel B1 dunha lingua estranxeira.

Saídas profesionais

A medicina dos animais, a produción e rendabilidade dos mesmos e a seguridade a través dunha correcta inspección dos alimentos, son as competencias da profesión veterinaria. No caso particular da Facultade de Veterinaria de Lugo, a titulación permite ao/á estudante iniciarse nas áreas e campos de investigación referentes á
  • Biomedicina e sanidade animal
  • Desenvolvemento agropecuario
  • Desenvolvemento agroalimentario
  • Recursos mariños e acuicultura
  • Investigación en ciencias básicas
  • Protección medioambiental
  • Seguridade Alimentaria e Saúde Pública
A regulamentación profesional veterinaria vixente inclúe a Directiva Comunitaria 36/2005/EC e a Lei 44/2003 (BOE de 22/11/2003) de Ordenación das Profesións Sanitarias, así como a proposta 2002/0061 (COD) do Parlamento Europeo, relativa ao recoñecemento de cualificacións profesionais do veterinario e o Documento Marco da Federación de Veterinarios Europeos (FVE/00/011) sobre a estrutura profesional. Ademais, a OMS recoñece ao veterinario como profesional sanitario e a FAO como profesional agrario, sendo, polo tanto, moi numerosas as competencias profesionais específicas dun veterinario na sociedade actual: 1- MEDICINA VETERINARIA: Diagnóstico, pronóstico, tratamento, e prevención das enfermidades que afectan aos animais domésticos, de experimentación, exóticos, silvestres e salvaxes, así como a saúde, cría e benestar dos mesmos. Inclúense igualmente todos aqueles perfís médicos que se centran na saúde individual, tales como a identificación, a etología, o control sanitario, e a prevención de zoonose. 2- PRODUCIÓN E SANIDADE ANIMAL: Cría e saúde das especies de produción, en relación cos distintos aspectos do control, manexo, xestión e asesoramento tanto ao gandeiro como ás empresas dedicadas á produción de alimentos e á explotación de recursos terrestres, mariños ou fluviais de orixe animal. Este perfil engloba tamén o diagnóstico, o tratamento e a prevención das enfermidades dos animais de produción, o estudo epidemiolóxico das enfermidades animais e zoonose, así como o deseño de políticas sanitarias, a análise de riscos e a identificación do gando. Do mesmo xeito, comprende a tipificación e comercialización de produtos de orixe animal, o control do movemento dos animais e do impacto ambiental das producións animais, e todos aqueles aspectos relacionados coa obtención de produtos gandeiros destinados ao consumo humano e a elaboración de alimentos destinados ao consumo animal, así como todas aquelas implicacións económicas que estes procesos puideran ter. 3- HIXIENE, SEGURIDADE E TECNOLOXÍA ALIMENTARIA: O control da cadea de produción dos alimentos, entendendo como tal un proceso continuo que abarca desde a produción primaria ata o seu subministro ao consumidor, asegurando a trazabilidade. Do mesmo xeito, contémplase o asesoramento ás empresas ou establecementos alimentarios, a implantación de boas prácticas de elaboración e manipulación de alimentos, a posta en práctica de programas de autocontrol e a formación do persoal manipulador dos mesmos. Dentro deste perfil, inclúese ademais o control da entrada de produtos animais, hortofrutícolas ou alimentos elaborados procedentes de terceiros países, co fin de previr toxinfeccións alimentarias e zoonose, así como todas aquelas actividades profesionais que garantan a calidade e salubridade dos alimentos. 4- OUTROS: A actividade de o/a veterinario/a desenvólvese tamén noutros sectores profesionais tales como o manexo e a xestión de núcleos zoolóxicos, de fauna silvestre e cinexética, de espazos naturais e de animalarios. Tamén poderá levar a cabo o seu labor na realización, desenvolvemento e xestión de I+ D+ I no sector público ou na industria químico-farmacéutica e agroalimentaria, así como no ámbito medioambiental, no desenvolvemento de proxectos de cooperación con outros países, en laboratorios de análises, na docencia e educación sanitaria, e en todos aqueles ámbitos para os que puidese estar cualificado/a pola súa formación. De acordo ás devanditas competencias, o/a veterinario/a convértese nun elemento crave no entramado sanitario e agrario de calquera sociedade, podendo desenvolver o seu traballo en diferentes niveis do sector público, é dicir, na Unión Europea, na Administración Xeral do Estado, nas Comunidades Autónomas, e nas Entidades Locais, ou ben no sector privado, xa sexa de forma autónoma ou formando parte dunha estrutura empresarial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *