Address

Facultade de Formación do Profesorado: Avda. de Ramón Ferreiro, s/n. 27071 Lugo. Teléfono: 982 821 005 Fax: 982 821 057

Categories

Máster

Descrición

Este título atende a unha demanda crecente na sociedade actual, que precisa persoas expertas e con formación intelectual vigorosa para atender as accións educativas que con cada vez maior expansión teñen lugar en contornos naturais, e que son promovidos tanto desde o ámbito da educación formal como non formal. Noutras universidades europeas e americanas estanse impartindo títulos de similar contido. Tanto as novas formas e hábitos das familias como o proceso de urbanización crecente, aconsellan potenciar valores entre os escolares e a xuventude, e incluso nos adultos, que o contacto coa natureza proporciona en alto grao, como o respecto ao medio natural e ao patrimonio rural, a tolerancia, a solidariedade, a coraxe ante as dificultades, e outras calidades valiosas na formación da personalidade e o espírito da cidadanía. Os contidos do curso condénsanse en elementos centrais na formación das persoas, moi presentes na cultura, pero pouco cultivados na educación formal. A meta do curso é dotar a estes educadores de capacidades intelectuais e de xestión de grupos que lles permitan unha comprensión plena das posibilidades pedagóxicas que teñen as actividades de ocio e tempo libre na natureza.

Plan de estudos

O máster oferta un total de 63 ECTS distribuídos en seis módulos durante un curso académico, dos que hai que cursar polo menos 60 para obter o título.
  1. Valores Educativos da Natureza e da Paisaxe 9 ECTS obrigatorios
  2. Natureza e Arte 9 ECTS obrigatorios
  3. Os Elementos do Medio Natural 9 ECTS obrigatorios + 3 ECTS optativos
  4. Dirección de Grupos e Xestión de Recursos 9 ECTS obrigatorios
  5. Actividades Educativas na Natureza 9 ECTS obrigatorios + 3 ECTS optativos
  6. Practicum e Traballo Fin de Máster 12 ECTS obrigatorios

Saídas profesionais

A meta do curso é dotar dunha formación pedagóxica específica aos profesores que traballan estes aspectos no sistema educativo, aos educadores, dirixentes e xestores das asociacións xuvenís ou deportivas, aulas da natureza e outras institucións de educación non formal que organizan actividades reguladas en contornas naturais, e que xa posúen unha titulación universitaria xeral, pero que carecen do marco epistemolóxico e teórico que pode ofrecer unha formación específica e integral reunida no conxunto de estudos que compoñen este proxecto. Nos últimos anos produciuse en España unha extraordinaria expansión de todo tipo de institucións que teñen como obxectivo a realización de actividades recreativas ou educadoras na natureza. Desde as granxas escola e as aulas da natureza ata os clubs de deportes límite, trazado de carreiros, actividades con persoas discapacitadas, turismo rural, protección de paisaxes, xestión medioambiental, etc., así como as máis clásicas que implican actividades con escolares, ábrese un conxunto de tarefas humanas neste campo que desbordan as actividades clásicas dos clubs de montaña e organizacións escultistas que, ata entón, eran os activistas máis entusiastas visitantes das contornas naturais. Con este máster oficial preténdese atender a demanda dunha titulación específica para a alta dirección educativa en actividades de lecer e tempo libre en contornas naturais. Este máster está dirixido a todos aqueles educadores tanto do ámbito da educación formal como da educación non formal que asumen tarefas de dirección pedagóxica na organización de actividades de lecer e tempo libre na natureza, e que traballan fóra da contorna escolar e familiar. Neste caso o máster está pensado só para formar un profesional específico no ámbito educativo, e para reforzar a formación de profesores de educación infantil e primaria en actividades que se realizan fóra do aula, tarefas que á súa vez xeran un traballo investigador ao seu equipo de profesores que enriquece o desenvolvemento desta acción formativa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *