Address

Facultade de Humanidades, Complexo Docente do Campus de Lugo, 27002. Lugo

Categories

Grao

Descrición

O grao en Lingua e Literatura Españolas é unha titulación científica e humanística que ten como obxectivo principal a análise lingüística do español e a produción literaria española e latinoamericana, os seus procesos de creación e recepción, así como a súa contribución social dentro da Historia da Cultura. O Grao en Lingua e Literatura Españolas é a adaptación da antiga licenciatura en filoloxía hispánica ao novo modelo de estudos superiores, polo que dá continuidade á longa e prestixiosa tradición destes estudos na USC. Os estudos de Lingua e Literatura Españolas presentan unha ampla e variada gama de perfís profesionais para os seus graduados, incluso considerando unicamente aquelas saídas profesionais que teñen unha alta correspondencia cos contidos da titulación. Xunto á saída laboral máis tradicional de profesor de lingua e literatura españolas no ensino secundario ou universitario, a enorme fortaleza do español como lingua de comunicación internacional abre novas vías de inserción laboral. A ensinanza do español como lingua estranxeira (ELE), tanto a poboación inmigrante como noutros países, constitúe un dos ámbitos con máis demanda laboral. As actividades de creación, corrección e edición de textos en distintas institucións públicas e privadas é outro claro perfil profesional para os seus graduados.

Plan de estudos

A titulación está distribuída en catro cursos, cun total de 240 créditos que están formados por 60 créditos de formación básica, 156 de materias obrigatorias e 24 créditos optativos. O Grao en Lingua e Literatura Españolas que se oferta na Facultade de Humanidades presenta unha estrutura flexible que permite configurar o currículum do alumnado de acordo aos seus intereses. O grao está estruturado polos seguintes elementos:
  • Módulo de formación básica. Composto por materias comúns en todos os graos filolóxicos ofertados na USC.
  • Maior de formación específica en Lingua e Literatura españolas
  • Módulo de formación complementaria. Consiste en bloques de catro materias que permite a formación nunha disciplina diferente á do Maior. O/a alumno/a pode escoller o que máis lle interese entre varios.
  • Módulo optativo. Permite que o/a estudante acabe de perfilar a súa titulación de acordo cos seus propios intereses.
  • Traballo de Fin de Grao. Permite que o/a estudante demostre que posúe as competencias e os coñecementos adquiridos ao longo dos catro anos de estudo

Saídas profesionais

O perfil docente é o maioritario nos actuais licenciados, que, en todo caso, para poder desenvolver esta actividade no ensino secundario deberán realizar a formación posgraduada específica establecida. Dentro deste ámbito pódese engadir o ensino do español como lingua estranxeira, a inmigrantes, a educación permanente e a formación de adultos ou a docencia de Lingua, Literatura e Cultura españolas en Centros e Universidades estranxeiras Adicionalmente existen prefiles asociados a actividades profesionais relacionadas co mundo editorial e coa prensa, como a edición de textos, a crítica literaria e textual, a produción editorial, a corrección literaria ou de probas, o asesoramento, a tradución, a redacción e colaboración en medios de comunicación, etc., así como as relacionadas coas industrias da lingua, sobre todo no ámbito das novas tecnoloxías, e tamén noutras áreas como a mediación lingüística (intercultural, empresarial, interprofesional) ou o tratamento do multiculturalismo social ou as relacións transculturales. Outras saídas profesionais poden ser: o asesoramento lingüístico (comercial, xurídico, forense, técnico-profesional), a peritaxe xudicial en lingüística forense, a intervención e avaliación das patoloxías da linguaxe, a xestión cultural e artística e a política e planificación lingüísticas. Xunto a elas cabe citar a investigación lingüística e literaria en universidades españolas e estranxeiras, en institutos de filología e lingüística ou en arquivos e bibliotecas e, por suposto, a docencia de gramática española, lingüística, teoría literaria e literatura española en escolas superiores, universidades e outros organismos, como os Institutos Cervantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *