Address

Escola Politécnica Superior: Rúa Benigno Ledo, s/n. 27002 Lugo. Teléfono: 982 823 008 Fax: 982 823 001

Categories

Grao

Descrición

Este Grao habilita para exercer a profesión regulada de Enxeñeiro Técnico en Obras Públicas con todas as atribucións profesionais recoñecidas pola lexislación vixente. Permite adquirir as competencias de calquera das tres especialidades da profesión: Construcións Civís, Hidroloxía ou Transportes e Servizos Urbanos. Os titulados no Grao en Enxeñaría Civil teñen o recoñecemento a nivel europeo ao estar esta titulación adaptada ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Os graduados en Enxeñaría Civil desenvolven labores imprescindibles de servizo á sociedade, encamiñadas ao desenvolvemento social, xa que adquiren unha formación integral para a planificación, proxecto, construción e conservación das infraestruturas básicas do transporte, para o mantemento e conservación dos recursos hidráulicos e enerxéticos, para a realización de estudos de planificación territorial e dos aspectos ambientais relacionados coas infraestruturas, e para a ordenación do territorio e na urbanización do espazo público urbano. As súas principais saídas laborais son: traballo en consultoras de enxeñaría e arquitectura; traballo en empresas de materiais de construción e control de calidade, de produción de enerxía, de construción, de conservación e explotación de infraestruturas, xestión de servizos; acceso a prazas de grupo A das administracións públicas; exercicio libre da profesión; investigación en centros públicos ou privados.

Plan de estudos

A titulación está distribuída en catro cursos, cun total de 240 créditos que están formados por 60 créditos de formación básica, 144 de materias obrigatorias e 36 créditos optativos. Para obter o título é preciso completar os 240 créditos cubrindo as competencias de polo menos unha das tres especialidades da titulación e acreditar o nivel B1 dunha lingua estranxeira (máis información).

Saídas profesionais

Esta titulación faculta para exercer a profesión de Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas, ao cumprirse o estipulado na Orde CIN/307/2009, do 9 de febreiro, pola que se estabelecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas. Os titulados en Enxeñaría Civil estanse incorporando con fluidez ao exercicio profesional sen que exista un índice de paro significativo neste campo. Destacan os sectores de consultoría e de empresas construtoras que absorben máis das tres cuartas partes da actividade laboral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *