para-estudar-lugo-campus-terra

O Campus Terra é o concepto co que se pretende dotar ao Campus de Lugo dunha identidade científica propia que incremente a súa visibilidade e permita aproveitar todo o seu potencial para actuar como motor de cambio na súa contorna a nivel social, económica e territorial.

Unha aposta de futuro que aproveitando a súa prolongada contribución ao avance científico, económico e social de Galicia conecte coas novas necesidades de crecemento e progreso a escala nacional e internacional.

Esta aposta estratéxica artellarase en torno á TERRA como:

  • Elemento integrador do coñecemento e da investigación en múltiples disciplinas para dar resposta ás demandas sociais relativas aos grandes retos da humanidade.
  • Evolución do concepto multifuncional da actividade agrícola en torno a tres funcións básicas: a produción de materias primas e alimentos en condiciones competitivas, a conservación do medio ambiente e da paisaxe rural e a garantía da viabilidade das áreas rurais contribuíndo a un desenvolvemento territorial equilibrado.
  • Gran reto científico para o século XXI que obriga a intensificar os esforzos en investigación e transferencia para garantir a sostibilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

Deste xeito, co Campus Terra a USC quere construír un ecosistema de coñecemento en torno á TERRA dende unha perspectiva interdisciplinar, abordando os aspectos económicos, sociais e medioambientais, nunha concepción da Terra como fonte de vida, profundamente arraigada en Galicia en xeral e na comunidade universitaria en particular.

O deseño do Plan Estratéxico do Campus Terra desenvolveuse mediante un modelo participativo, o que asegura a necesaria implicación da comunidade universitaria e dos grupos de interese da contorna social e económica a fin de acadar o maior valor e aproveitamento do coñecemento e experiencia de cada un dos mesmos.

O Plan Estratéxico do Campus Terra recolle os compromisos adquiridos para orientar o futuro e converter ao Campus de Lugo nun referente en coñecemento sempre vinculado á sostibilidade económica, social e ambiental do uso da TERRA, que facilite o seu desenvolvemento futuro e conecte coas novas necesidades de crecemento e progreso a escala rexional, estatal e internacional.