campus

A investigación é un dos grandes piares que define o Campus Terra e, de feito, nacemos coa vocación de ser recoñecido a nivel internacional como un referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sostibilidade económica, social e medioambiental da Terra. Este foi o camiño que seguiron dúas teses que recentemente foron presentadas.

A tese da enxeñeira química Rocío Carballido Piñeiro, co título ‘Arquitecturas supramoleculares autoensambladas derivadas de hidrazona, carbamato e tiosemicarbazona’, avanzan no estudo de compostos metálicos con potenciais aplicacións como axentes antitumorais ou antioxidantes.

Esta tese de doutoramento, dirixida polas profesoras da Facultade de Química da USC Ana González e Rosa Pedrido, así como pola tamén docente da USC na Facultade de Ciencias do Campus Terra, Laura Rodríguez, aborda a síntese e o estudo de compostos metálicos que presentan diferentes arquitecturas metalosupramoleculares (helicatos, mesocatos…), derivadas de moléculas orgánicas do tipo bishidrazona, biscarbamato, bistiosemicarbazona e tristiosemicarbazona.

Os resultados das investigacións feitas por Rocío Carballido demostraron o baixo nivel de toxicidade que presentan os sistemas previamente seleccionados para este estudo, unha características que os converte en candidatos altamente acaidos para a súa proba e testaxe como fármacos antitumorais fronte a diversas liñas celulares.

Os efectos do clima no crecemento do carballo

Pola súa banda, os efectos do clima no crecemento do carballo e o uso das reservas de carbono centraron a investigación realizada polo enxeñeiro vigués Gonzalo Pérez de Lis no marco da súa tese de doutoramento, dirixida polos profesores Ignacio García González (USC) e Vicente Fernando Rozas (Universidade de Valladolid) e presentada no Campus Terra da USC baixo o título ‘Efectos do Clima na formación de madeira de Quercus robur L. e Quercus pyrenaica Willd. ao longo dun gradiente de mediterraneidade en Galicia: unha análise integrada mediante fenoloxía, anatomía e dendroecoloxía‘.

A investigación salienta que os carballos (Quercus spp) posúen un sistema vascular moi especial, constituído por condutos de tamaño moi diverso na madeira, que lles permite contar con unha grande resistencia fronte aos eventos climáticos extremos e, polo tanto, aos efectos do cambio climático en Galicia.

O doutor Gonzalo Pérez de Lis Castro chegou a esta conclusión tras realizar un seguimento detallado dos procesos de formación de madeira en bosques de carballo ao longo de dous anos, nun gradiente de mediterraneidade en Galicia. Esta investigación, constitúe, por primeira vez para este tipo de especies, unha aproximación tanto descritiva como cuantitativa da resposta do crecemento aos cambios nas condicións meteorolóxicas.

As novas achegas recollidas nesta tese, na que tamén colaboraron con Gonzalo Pérez de Lis os profesores Miguel Olano, da Universidade de Valladolid, Sergio Rossi, da Universisté du Québec à Chicoutimi (Canadá) e Rosana Vázquez Ruiz de Ocenda (USC), deron pé á publicación de varios artigos, dos que dous veñen de ser aceptados para a súa publicación en revistas de elevado impacto no ámbito da Ecoloxía das plantas.

0

Tamén che pode interesar...

Stéfano Arellano, coa 'Foto-guía de combustibles forestais de Galicia'
Dúas novidosas investigacións da Escola Politécnica Superior do Campus Terra
oscar
Casos de éxito no Campus Terra: Óscar Crespo Pinillos

paraestudarlugo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *