Stéfano Arellano, coa 'Foto-guía de combustibles forestais de Galicia'

Onte tivo lugar, no Paraninfo da USC, a entrega de premios da XV edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC que convoca Uniemprende.

Acto de entrega de premios do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

Acto de entrega de premios do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

Entre os 5 premiados está un novidoso tratamento para o secado de sangue elaborado polo equipo de José Manuel Magide Ameijide e Hiram Varela Rodríguez, da Escola Politécnica Superior de Lugo.

O procedemento permite o secado in situ nas propias industrias, garantindo a súa esterilidade e facilitando a súa conservación. Segundo explicaron os propios autores da proposta “unha vez feita fariña deixa de ser un residuo e ademais presenta diversas opcións de comercialización”.

Á solución ambiental engádese a vantaxe do aproveitamento económico nesta idea que xa está moi avanzada e que é obxecto dunha patente.

Foto-guía de combustibles forestais de Galicia

Por outra parte, investigadores do grupo Unidade de Xestión Forestal Sostible da Escola Politécnica Superior do Campus Terra elaboran a primeira clasificación dos principais combustibles forestais de Galicia, unha publicación que leva por título ‘Foto-guía de combustibles forestais de Galicia’.

Este volume, en cuxa primeira versión participaron como autores os investigadores da EPS Stéfano Arellano, José A. Vega, Ana D. Ruiz, Antonio Arellano, Juan Gabriel Álvarez, Daniel J. Vega e Elena Pérez, establece catro grandes grupos diferentes de combustibles forestais (herbazais, arbustos, arborado de folla perenne e arborado de folla caduca).

Os autores desta publicación subdividen estes catro grandes grupos en varios subgrupos, atendendo ao criterio botánico de xénero e distinguen así entre as diferentes especies que dan lugar a situacións de combustible. Daquela, a citada publicación inclúe un total de 150 situacións de combustible, cuxo contido se recolle noutras tantas fichas.

Cada unha das fichas compiladas nesta foto-guía inclúe imaxes xerais de calidade e información completa e detallada das características fisionómicas, estruturais e dasonómicas das situacións de combustible avaliadas. Esta información aparece relacionada con predicións de comportamento de lume asociadas a cada situación de combustible nas fichas.

0

Tamén che pode interesar...

campus
Dúas novas teses innovadoras saídas do Campus Terra
oscar
Casos de éxito no Campus Terra: Óscar Crespo Pinillos

paraestudarlugo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *