KONICA MINOLTA DIGITAL CAMERA
Hai moitas razóns que fan de Lugo o lugar perfecto para comezares unha nova vida. Aquí temos as nosas, pero de seguro que, ao rematares os teus estudos no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, terás moitos máis.
  1. Lugo é a capital de provincia cos alugueres máis baratos de toda España, segundo diferentes estudos. Aquí terás unha ampla oferta de pisos para todos os gustos, tanto se o teu é vivir no casco histórico como extramuros en pisos máis modernos preto do campus. E, ao ser unha cidade mediana, todo pode quedarche relativamente preto. Lugo ofréceche unha calidade de vida ao mellor prezo do mercado.
  2. Se os lucenses son fieis a unha deusa sobre todas as demais, ese é a Gastronomía. Saír de tapas é toda unha relixión e os locais de hostalaría, os seus templos. A festa galega por antonomasia, o San Froilán, sérvese en prato de madeira, con cachelos, aceite e pementón, pero non tes que agardar ao outono para gozar das delicias culinarias desta terra: calquera día da semana os locais de Lugo énchense de sabores para o teu padal que che serven de forma gratuíta coa túa consumición. Xa o dicía o lema sesenteiro: …E para comer Lugo!
  3. Hai moitas murallas romanas no mundo pero moi poucas poden presumir de ser Patrimonio da Humanidade desde hai 15 anos. A historia de Lugo está escrita na súa pedra, pero é moito máis ca ela. No centro histórico poderás facerte unha idea do Lugo romano e medieval e no Museo Provincial achegaraste á nosa historia e do noso rico patrimonio etnográfico. A escasos quilómetros do centro, atoparás unha rara avis da arqueoloxía como é o santuario tardo-romano de Santalla de Bóveda, que conserva pinturas murais únicas no mundo. Lugo é sinónimo de Patrimonio e defínese como historia viva de Galicia enteira.
  4. Se os romanos elixiron esta punto para erixir a cidade máis importante do noroeste peninsular foi por algo: o seu envexable contorno. Lugo é un dos 26 concellos que forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a primeira en declararse en toda Galicia e a 2 segunda máis grande de España en extensión. O pai dos ríos galegos creou ao seu redor un ecosistema característico que define á nosa cidade e a nosa provincia de norte a sur con lugares únicos en todo o mundo que están agardando que os descubras. Lugo é patrimonio natural en estado puro.
  5. Mais Lugo tamén é unha cidade universitaria cun campus con personalidade propia. 7 centros, 15 títulos de grao, 11 mestrados e diversos programas de doutoramento consolídano como o cuarto campus universitario dos sete existentes en Galicia e o primeiro dos non principais. As estatísticas de titulacións e estudantes coloca o campus de Lugo nunha posición vantaxosa na súa contorna máis próxima, pero a análise doutros indicadores de máis impacto, como o son os niveis de produción científica, a excelencia académica e de investigación ou mesmo a prestación de servizos, elevan a USC, en xeral, e o campus de Lugo, en particular, aos primeiros lugares de ránkings nacionais e internacionais.
Agora que xa sabes o que che ofrece Lugo, aquí tes outros dous que che regala a Deputación de Lugo por estudares no seu campus:
  1. Se te matriculas por primeira vez en 11 dos seus graos, a Deputación de Lugo pagarache o 50% da matrícula.
  2. Matrícula gratuíta aos 135 mellores expedientes galegos de BAC, FP e grao do Campus de Lugo!
0

Tamén che pode interesar...

5 marabillas naturais da provincia de Lugo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *